O proxecto de restauración, cun orzamento total de obra que ascende a 16.348,90 euros, consistirá en eliminar líquenes e contras (mediante diferentes técnicas de limpeza e aplicación de biocidas), eliminar o encintado de cemento e policromía sintética actuáis, eliminación das intervencións pouco adecuadas como: o repintado, a colocación de valo metálico, a estrutura metálica para luces na parte superior e o amaño da contorna.
A restauración de todo o conxunto, coa eliminación de pintura, estrutura superior e pechado, ademais de cubrir con pedra a zona do primeiro chanzo, cambiar a liña que vai por encima, e as hornacinas para as velas, ten un orzamento aproximado duns 10.000 euros, ós que hai que sumarlles unha inversión duns 7.000 euros para a acometida do soterramento da liña eléctrica que afea o ben. En total adicaranse os preto de 17.000 euros arriba indicados á optimización do Cruceiro dos Cabaleiros.
O cruceiro, que está catalogado e protexido por ser Patrimonio Cultural de Galicia, data do ano de 1612. A súa medida total é de 5,80 metros de altura aproximadamente. Atópase colocado nun cruce de camiños por onde transcorre o Camiño de Santiago Portugués e, neste sentido, Nidia Arévalo destacou que “ademais de que a restauración deste singular elemento patrimonial da parroquia de Mos era unha importante demanda veciñal, o interese por parte da administración local de rehabilítalo e mellorar o seu estado e aspecto ven dado tamén polo gran interese deste Concello na posta en valor do Camiño ó seu paso por Mos, xa que é un dos nosos principais e máis relevantes recursos turísticos, patrimoniais e históricos”, explicou a alcaldesa mosense.
Para a restauración deste cruceiro a Deputación de Pontevedra ven de conceder unha subvención de 10.851,55 euros. Os traballos de recuperación deberán estar rematados antes do 30 de xuño de 2017.