O Concello de Mos xa repartiu 2.180 máscaras sanitarias desde o inicio da crise sanitaria. Un material que foi distribuído entre o persoal máis exposto ao virus durante a súa xornada laboral, como os equipos do Servizo de Axuda no Fogar, a Policía Local, o Servizo Municipal de Emerxencias, Protección Civil, limpeza, alimentación, panaderías, farmacias, estancos… Ademais, Garda Civil, Policía Local e Protección Civil están a repartir de xeito controlado máscaras entre a poboación en tránsito cara ao seu posto de traballo desde ás 06.30 horas.
Pero a administración local quere ir máis aló e por ese motivo leva unha semana traballando para conseguir 15.000 elementos de protección e repartilos a domicilio a todos e cada un dos habitantes do municipio. Comezarán a entregarse os vindeiros días para evitar que a veciñanza teña que saír da casa e as conseguintes colas de recollida. “Todos recibirán a súa, aínda que deben ter paciencia porque o reparto será progresivo e paulatino”, explica a alcaldesa, Nidia Arévalo. O reparto realizarase seguindo escrupulosamente o padrón municipal.
Dada a escaseza de existencias, resultou bastante complicada a obtención das 15.000 máscaras. Precisáronse tres bobinas de tea homologada: dúas bobinas foron adquiridas polo Concello nunha empresa especializada e unha bobina foi doada pola devandita empresa, Tecfilter.
Trátase do mesmo téxtil que se emprega para a confección das máscaras FFP2. É a que se utiliza nos filtros de ventilación de salas, na etapa inmediatamente anterior ás etapas HEPA – ULPA. Elixiuse esta media por ser unha media sintética, xa que a media utilizada en fíltros HEPA- ULPA é unha media fabricada en microfibra de vidro e que produce irritación de pel e mucosas, non compatible no seu uso para a fabricación de máscaras. Esta media ISO e PM1 80% , está certificada para un grao de retención do 95 % para partículas comprendidas entre 0,3 e 10 micras.
O material está a ser confeccionadas nunha empresa mosense do sector téxtil. Trátase de Granlei, do empresario e veciño de Mos Camilo Grandal que ademais de ter doado xa unha cantidade importante de máscaras.
O Concello mercou unha máquina de ozono para poder esterilizalas e ionizalas antes de repartilas. Dúas máquinas de ozono incorpóranse esta semana para a desinfección de dependencias e vehículos municipais (unha adquirida polo Concello de Mos e a outra lle foi doada a Protección Civil de Mos), ademais de usalas tamén para a esterilización das 15.000 unidades.