A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, anunciou que o Concello mercará pantallas faciais infantís de prevención para complementar ás máscaras hixiénicas FFP2 que se extraviaron e se seguen a buscar. Trátase de material de protección facial fabricado pola empresa local Pirelo, que lle doará 600 unidades destas pantallas infantís. Serán repartidas por rigoroso padrón a partir do vindeiro xoves, 21 de maio, no Multiusos das Pozas.
Os pais e nais con menores de 3 a 14 anos poderán recoller as pantallas de balde mentres non chegan as máscaras infantís FFP2, que serán enviadas por correo a domicilio en canto se reciban.
As pantallas infantís están fabricadas en PVC de diferentes cores (branco, azul, verde, amarelo e vermello) e serigrafiadas co escudo do Concello de Mos. A súa principal función é a redución do risco de propagación de infeccións. Son pantallas antisalpicaduras, deseñadas para frear o avance do COVID-19. O seu sinxelo deseño facilita o sistema de colocación, ofrece seguridade e comodidade durante todo o día e é de fácil limpeza e desinfección. Ademais é a mellor forma de evitar que os pequenos toquen a cara coas mans sucias.
O PVC de fabricación é flexible e conta con agarre adaptable á cabeza en velcro, a pantalla ten unhas dimensións de 292 x 220 mm e permite a total visibilidade sen bloquear a vista, ao tempo que evita salpicaduras tanto frontais como laterais. Ademais, estas pantallas están testadas por laboratorio e contan con certificación do ITEL-Instituto Técnico Español de Limpieza (conforme a diversas normas, entre elas a vixente norma europea EN166) que emitiu informe favorable baseado no análise técnico da mostra.
Todas as probas realizadas polo ITEL a estas pantallas tiveron en conta a Directiva Europea de produtos sanitarios CEE/93/42. Entre outros parámetros, o ITEL certifica que o PVC das pantallas infantís fabricadas por Pirelo ten unha eficacia de filtración de partículas do 94%. A empresa conta con certificados ISO e AENOR e tamén fabrica máscaras hixiénicas reutilizables e lavables para adultos e nenos certificadas por AITEX.
A decisión de repartir de xeito inmediato estas pantallas xurdiu debido a que as 2.000 máscaras infantís FFP2 doadas pola empresa Rodavigo a través da iniciativa Pulso Solidario ao Concello de Mos continúan en paradoiro descoñecido e a empresa xa encargou ata tres novos pedidos para poñerlle solución á situación. Desde a compañía estase facendo todo o posible para que as máscaras infantís estean canto antes á disposición do Concello de Mos.