A comitiva partiu desde a parroquia de Tameiga ás 20.00 horas ata chegar ao acceso a San Eleuterio, unha das zonas afectadas pola paralización das obras, e continuou pola vía de servizo da autovía ata chegar ao Concello.
Arévalo agradeceu a todos os presentes “o esforzo realizado por estar aquí unha tarde de venres máis para apoiar ao Concello na defensa dos dereitos e dos intereses de Mos, da Área Metropolitana, e de tódolos condutores e condutoras que transitan pola A-55”. Nesta nova mobilización volveuse esixir á Dirección Xeral de Estradas do Estado que retome as obras de mellora da seguridade viaria na A-55.
Arévalo, rexedora local mosense, comunicou aos presentes todas as xestións que dende a Alcaldía do Concello de Mos se están a levar a cabo e que son complementarias ás manifestacións organizadas para tentar resolver a problemática canto antes.
Neste sentido, lamentou publicamente que na nota de prensa remitida este xoves polo Ministerio de Fomento aos medios de comunicación “siga sen darse unha data concreta da reanudación dos traballos e, mentres isto continúe a ser así, o Concello de Mos manterá as súas accións reivindicativas”. Anunciou así mesmo que “se irá informando das vindeiras mobilizacións que se organicen dende a administración local a tal fin”.
No seu comunicado, Fomento manifestaba literalmente que o Ministerio “realizará a la mayor brevedad posible los trámites administrativos restantes que permitan la continuidad de los trabajos y retomar las obras. Dentro de las obras de adecuación y mejora de la seguridad vial de la autovía A-55 entre Vigo y O Porriño ha sido necesario hacer ajustes al proyecto por causas ligadas a la aparición de nuevos servicios afectados y a efectos de evitar nuevas afecciones a bienes y derechos”.
A alcaldesa salientou así mesmo “a unión que estamos a ter todos os grupos políticos da Corporación nesta causa común que non é outra que defender os intereses e os dereitos dos veciños e veciñas de Mos e a seguridade dos miles de condutores que a diario transitan pola autovía”.