A parroquia de Sanguiñeda está preto de acoller a apertura dunha nova sala de xogos e apostas. Pero antes de que sexa inaugurada, a veciñanza e os partidos políticos de Mos xa lle van mostrar aos responsables deste negocio que non son benvidos. A Corporación Municipal votará no Pleno do vindeiro luns unha moción redactada de xeito unánime por todos os grupos representados, que votarán a prol dela para mostrar a súa oposición a este tipo de locais.
Segundo informou o Concello, existe unha “enorme preocupación” entre os veciños, os colectivos sociais, as familias e a comunidades escolar. A sala de apostas estaría situada nun entorno urbano con supermercados e establecementos de gran afluencia. Ademais, nas proximidades hai un colexio e un parque infantil, zonas moi frecuentadas por menores.
Esta nova apertura está pendente da correspondente solicitude de licenza de actividade e das comprobacións técnicas municipais necesarias, que o Concello non pode negar se o local cumpre a legalidade. En todo caso, como primeiro paso, a Corporación Municipal quere mostrar a súa oposición a apertura deste tipo de salóns.
Esta situación é semellante á que aconteceu hai varios meses en Vigo, onde se conseguiu negar á licencia de apertura a un establecemento de apostas na Avenida da Florida ao atopar a administración local motivos para non concederlla. O propietario da empresa recorreu a decisión pero a súa apelación non chegou a prosperar.