Tras o éxito da primeira, Mos emprende a segunda campaña de prevención do abandono e/ou perda de cans mediante a subvención do microchip obrigatorio. O concelleiro de Medio Ambiente, Leo Costas, informou este martes de que o vindeiro 18 de abril abrirase o prazo para solicitar esta axuda municipal. Prazo que rematará o 31 de maio.
A iniciativa consiste na subvención por parte do Concello da meirande parte do custe da implantación do dispositivo nos cans. Os seus donos asumen unicamente o pago de 10 euros por mascota. As persoas interesadas poden elixir entre a solicitude presencial no Rexistro Xeral da casa consistorial (en horario de 09.00 a 14.00 horas de luns a venres) e a petición telemática a través da sede electrónica do Concello de Mos. O procedemento de contratación da clínica veterinaria adxudicataria do servizo xa se atopa rematado. Os microchips serán instalados en Canis Porriño.
Os obxectivos fundamentais desta campaña son evitar os abandonos e facilitar a localización dos donos en caso de extravío. O Servizo Municipal de Emerxencias detectou que unha elevada porcentaxe dos cans perdidos que aparecen na localidade non teñen este dispositivo, polo que se complica a tarefa de atopar aos seus donos para poder devolvelos aos seus fogares. “A iniciativa persegue tamén un obxectivo concienciador e de prevención do abandono de animais domésticos”, explica o edil de Medio Ambiente. A Organización Mundial da Saúde (OMS) estima que o 70% dos cans no mundo non teñen un fogar.
A concesión das axudas farase por rigorosa orde de entrada no rexistro. O procedemento de colocación dos microchips comezará de xeito inminente tras o prazo de inscrición e prevese que durante o vindeiro verán quede finalizado.