No caso dos nenos e nenas de Educación Infantil a iniciativa posta en marcha é un contacontos e no caso dos estudantes de Primaria, unha charla informativa.
As representantes municipais declararon a este respecto que “consideramos importante que os nenos tomen contacto coa lingua de signos e a comunidade xorda, para ir pouco a pouco cambiando as situacións de illamento e ir integrando as persoas xordas na vida diaria da comunidade veciñal”.
A aprendizaxe da lingua de signos aporta importantes cualidades pedagóxicas mellorando as habilidades comunicativas e favorecendo a atención visual e promovendo valores como son a empatía, o respecto e a normalización cara a diversidade funcional e a discapacidade.
Debido a isto, e co obxectivo de concienciar ós nenos sobre a importancia da lingua de signos para a comunidade xorda, promoveuse dende o Concello de Mos esta campaña de sensibilización para os alumnos mosenses.
Con esta campaña de sensibilización o que se trata é de que os nenos de 5º e 6º cursos de Primaria tomen conciencia da importancia que ten a lingua de signos para as persoas xordas. A charla dirixida a eles impártea unha traballadora da Asociación de Persoas Xordas de Vigo , integrada na FAXPG (Federación de Persoas Xordas de Galicia), que a través da lingua de signos e apoiada por unha interprete, lles explica ós nenos como é o día a día das persoas xordas, como fan para espertar, xa que un espertador non o escoitan, como fan para comunicarse, ir de compras, ó médico, etc.
Todo de maneira participativa, preguntándolles ós nenos que pensan ó respecto. Tras isto, ensínaselles o abecedario en lingua de signos e os nenos poden preguntar como se din en linguaxe de signos aquelas palabras ou expresións que máis lles interesen.
O contacontos vai dirixido ós alumnos de Infantil, e o conto que se lles conta é “O cocodrilo namorado”en lingua de signos co apoio oral dunha interprete. Así os nenos aprenden os signos de cocodrilo e xirafa, e poden ir contando partes do conto coas súas propias mans ó unísono da contacontos. Ensínanselles tamén os signos para nomear outros animais que saen no conto, e os nenos tamén poden preguntar o que queiran, de xeito que aprenden dende os nomes de diversos animais en linguaxe de signos, ata outras palabras moi familiares para eles como mamá, papá, os días da semana, etc.