Estes traballos iniciaranse de xeito inminente xunto co levantamento das novas paredes que asume o seguro e a acometida do tellado da que se fará cargo o propio Concello. Está previsto que estas acometidas estean rematadas a principios do vindeiro ano 2018, un ano despois de se sufrir os danos.
Por outra banda, o Concello redactou un proxecto de mellora integral mediante o que se levantará un novo recinto deportivo, que se construiría aproveitando estas partes que van ser arranxadas agora e cuxa contratación xa se atopa adxudicada dende a semana pasada.
“A idea -segundo explicou a alcaldesa, Nidia Arévalo- é presentar o proxecto do novo pavillón á Deputación de Pontevedra para que o inclúa na nova liña de subvencións que a administración provincial acaba de sacar, que complementa ao Plan Concellos e que está dotada de 18 millóns de euros”.
A reforma da cuberta e os vestiarios ten un orzamento de 19.413 euros e a pista conta cun presuposto de 58.034 euros. Ademais, a construción do novo pavillón no que se manterían estas partes que van a ser agora reparadas superará os 600.000 euros, polo que o investimento total na reforma desta instalación deportiva será de 700.000 euros.
O Pena de Francia, edificado hai vinte anos, dá servizo ao CEIP que leva o mesmo nome, o Colexio de Educación Infantil e Primaria con maior número de alumnos de todo o municipio. Foi o ben municipal que resultou máis danado polo pasado temporal, que derrubou dúas paredes por completo existindo risco de caída total de todo o pavillón. Tamén se produciu a rotura de parte da cubrición dos vestiarios producindo a entrada de auga no seu interior.