A este respecto a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Deportes, Alberto Méndez, informaron de que “aproveitando a reforma integral que se vai facer destas instalacións deportivas que foron parcialmente derrubadas polo temporal do pasado inverno, consideramos que a atleta Soledad Castro Soliño é sobradamente merecedora de darlle nome ás novas instalacións cando estas abran as súas portas ao público”.
Os técnicos municipais están nestes intres rematando o proxecto de reforma do edificio, que se veu derrubado debido ao temporal o pasado 04 de febreiro do ano en curso polo que se estima que nun prazo de dous meses iniciarase o procedemento de contratación que será un procedemento aberto. O orzamento da reforma ascende a 300.000 euros que se financiará unha parte con cargo ao seguro, outra con fondos propios municipais e unha terceira parte, a correspondente ós traballos de drenaxe, será asumida pola Xunta de Galicia.
As obras a executar no pavillón consisten fundamentalmente na reposición total das paredes, cuberta e o solo. Máis detalladamente os traballos a realizar son limpeza e retirada de todos os entullos, limpeza da primeira fiada de bloque, que se atopa delimitando perimetralmente as dúas fachadas, escavación das dúas fachadas para a realización da cementación das paredes, formigonado e armado da cementación para enlazar as paredes, realizar unha repartición da lonxitude total da fachada en 4 vanos; realización dun novo cerramento, no que, de empregar o mesmo material, deberase proceder a colocación de barras de ferro cada catro fiadas para darlle rixidez aos paramentos, retirada e nova colocación da carpintería metálica exterior (fiestras) que nestes momento non pechan e non impediron a entrada do vento ao interior do pavillón, colocación de carpintería metálica na fachada principal, (existía unha porta metálica de dúas follas e con mainel fixo polo que accedía o público sendo o acceso dos xogadores polos vestiarios), disposición da instalación eléctrica nas paredes, (previo ao temporal nas paredes existían focos de iluminación e sinalización de emerxencia) e repaso da cuberta.
Unha vez reformadas integralmente, as novas instalacións deportivas levarán o nome de Soledad Castro en recoñecemento á súa traxectoria e aos seus éxitos deportivos de xeito que o Pavillón Pena de Francia pasará a chamarse “Pavillón Soledad Castro”.
Este será o recoñecemento oficial que dende a administración local se lle fai a esta gran deportista, que comezou xogando nun equipo de fútbol feminino da parroquia de Tameiga, fichando logo polo Abrente e que se iniciou no atletismo aos 19 anos, no Celta de Vigo. En novembro do 1992 fichaba polo Comesaña Sporting Club.
Sole Castro conta no seu palmarés con numerosas medallas en campionatos a nivel galego e español en campo a través, 10.000 m, 3.000 m e media maratón. Nas competicións internacionais salientan: en 2017 Campioa do Mundo de Media Maratón W-50 na cidade coreana de Daegu, en 2016 Campioa do Mundo de Atletismo de Montaña W50 na localidade de Susa, pertencente á Rexión Piamontesa de Italia, en 2002 Campioa de Europa veterana de 5.000 m e 10.000 m en Potsdam (Alemaña); en 2003 Campioa do Mundo veterana de 10.000 m e Subcampioa do Mundo veterana de Campo a Través e 5.000 m en Carolina (Porto Rico); en 2004 Subcampioa de Europa de 5.000 m e 10.000 m en Århus-Randers (Dinamarca); en 2005 Campioa de Europa W35 de Media Maratón, 2ª xeral en Monte Gordo (Portugal).