Os seis restaurantes mosenses participantes nesta Gran Degustación das Xornadas Micolóxicas 2018 ofrecerán diversos pratos. Por parte de Adega da Tía Carmen, croquetas de setas con castañas e empanada de trigo con setas e castañas; por parte de O Cruceiro, setas salteadas con coello e castañas; por parte do Bar Restaurante Curuxeira, fajitas recheas de setas e polo e tortilla de xamón e setas; por parte da Taberna Andaga, revolto de setas con ortigas; por parte de Catering Jorge Lorenzo, quiche de setas con lacón, consomé de níscalos con xamón e tarta de cantharellus con cremoso de quesos; e por parte da Tapería A Cova da Santa, pizza mar e monte: salmón afumado con variado de setas.
O prezo de cada tapa será de 2,50 euros e a bebida (auga ou viño) custará 1 euro, un prezo popular para que calquera persoa poida degustar a variedade de pratos deseñados este ano para celebrar a XV Edición das Xornadas Micolóxicas de Mos.
A partir do domingo e ó longo do resto do mes de novembro, nos propios restaurantes, poderanse degustar tamén estes mesmos pratos.
A Gran Degustación do domingo 18 de novembro no contorno do Pazo de Mos estará complementada co III micomercado (mercado micolóxico). A xornada gastronómica prolongarase dende as 12.00 horas ata as 15.00 horas. De 11.00 horas a 14.00 horas e de 17.00 horas a 20.00 horas estará aberta ao público no Pazo de Mos unha exposición e consulta sobre cogomelos. E ás 12.00 horas haberá teatro infantil a cargo de Anxo Moure que representará Verbas do Monte (As Nosas Senlleiras). Seguidamente, sobre as 13.00 horas, actuará o grupo de pandereteiras Arume de Guizán.