Os xardíns da contorna do Pazo de Mos, recentemente galardoado coa Q de Calidade, foron escenario este martes do acto de presentación da escultura dunha costureira, instalada tras ser doada pola Escola de Cantería á Comunidade de Montes de Mos.
Esta nova obra quere difundir o patrimonio histórico-artístico galego e mosense e poñelo en valor. A peza de granito, elaborada polo alumno Jonathan Mariñas, conta cunhas medidas de 145x90x100.
A escultura gaba un oficio desempeñado por moitas mulleres mosenses ao longo da historia. Ademais, serve para achegarlle a arte do traballo en pedra ás xeracións máis novas, para que poidan descubrir este oficio tradicional.
A costureira instalada xunto ao Pazo de Mos forma parte da exposición escultórica ‘D’ Pedra’, composta por 16 pezas de granito feitas polo alumnado da Escola de Cantería, e que na maior parte dos casos representan oficios, animais, sentimentos ou escenas da vida cotiá.
A Escola de Cantería naceu no ano 1979 coa finalidade de poñer en valor un dos oficios máis antigos de Galicia e, ao longo da súa traxectoria, numerosos mestres e mestras canteiros formados na escola teñen deixado a súa pegada no patrimonio arquitectónico de Galicia e diversos lugares do mundo. En Mos atópanse instaladas catro pezas súas: esta costureira, o homenaxe á emigración en Peinador, as leiteiras en Dornelas e a réplica da fonte orixinal nos exteriores do Pazo de Mos, moi preto de onde agora se atopa instalada a costureira.