O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou este venres o Concello de Mos acompañado polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, o tenente alcalde e concelleiro de Obra Pública, Camilo Augusto, o concelleiro de Emerxencias, Leo Costas, a edil de Deportes, Feli Rodríguez, e demais membros do goberno local.
Calvo achegouse ata a pista polideportiva de San Eleuterio, situada na parroquia de Tameiga, que foi renovada co obxectivo de dotar á veciñanza dunhas instalacións deportivas seguras e confortables. Así, limpouse e renovouse o pavimento, substituíse o peche, e pintáronse o muro e os xogos. A Xunta achegou ás obras 30.900 euros a través da orde de infraestruturas de uso público.
Nesta mesma parroquia, a maiores desta mellora, o Goberno galego destinou 30.000 euros do Fondo de Compensación Ambiental a traballos de saneamento.
O investimento global da Vicepresidencia Primeira e consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes no marco das distintas liñas de axudas de apoio ao eido local incluiu entre as actuacións financiadas un vehículo para a Polícia Local en sistema de renting a través do Fondo de Compensación Ambiental e a metade do custo de funcionamento do GES de Mos.
Fíxose tamén un investimento de preto de 61.000 euros en melloras de dotacións deportivas en Mos, concretamente 60.825,92 euros; dos cales 48.325,92 euros destináronse á reforma da cuberta do Pavillón de Sanguiñeda e 12.500 euros a adquisición de material deportivo.
A reforma da cuberta deste pavillón era moi necesaria. Supón unha importante mellora para os usuarios do mesmo, entre eles o alumnado e comunidade educativa do CEIP Mestre Valverde Mayo. Os traballos realizados solucionan as humidades existentes mediante a actuación na cuberta exterior, que tiña deteriorado o seu estado de conservación dada a súa antigüidade.
En canto á adquisición de material deportivo, incluiu un marcador para o campo de fútbol municipal das Baloutas, así como elementos para exercizos para o ximnasio e a piscina do Pavillón Óscar Pereiro e para o propio Pavillón de Sanguiñeda.
Dos 48.325,92 euros que se investiron na cuberta de Sanguiñeda, 38.660,73 euros financiáronse grazas a subvención da Xunta de Galicia e o Concello asumiu os 9.665,19 euros restantes. Por outra banda dos 12.500 euros destinados a material deportivo, adquiriuse con subvención autonómica material por importe de 10.000 euros e o Concello aportou 2.500 euros.
Climatización do Pazo de Mos
O percorrido polo Concello de Mos do vicepresidente primeiro Diego Calvo incluíu tamén a visita ao auditorio Pazo de Mos, no que a Xunta investiu 33.300 euros para a instalación de climatización e garantir así o confort das persoas usuarias deste importante espazo histórico e cultural.