A Deputación e Pontevedra está a acometer obras de emerxencia para reparar un tramo curvo, situado no quilómetro 3 da estrada provincial EP-26001 Mos-Puxeiros, onde se estaba a producir un afundimento do firme e a afectación do muro de contención. Os traballos, que teñen un custo de 90.750 euros, vanse prolongar durante varias semanas.
O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, explicou que a Inspección dos Servizos Técnicos de Vías e Obras detectou este afundimento, que se agravou durante as chuvias do pasado mes de decembro. En actuacións anteriores xa se tiña comprobado que o terraplén sobre o que se asenta a calzada está formado por materiais inadecuados, ademais de constatar a existencia de infiltracións de augas soterradas. A EP-26001 soporta un importante volume de tráfico pesado e, ademais, constatouse que o muro de contención precisaba unha ampliación da súa base para garantir a estabilidade diante destas condicións. A maiores, hai un regato e unha balsa de auga próximas que poderían comprometer este apoio a medio prazo.
As obras céntranse na actualidade na reconstrución completa do muro de contención, sobredimensionando a base e garantindo a súa solidez. Unha vez rematados estes traballos procederase a sanear o carril contrario, onde se tiñan detectado os afundimentos. A maiores, a Deputación deu conta ao Consorcio do Louro para que revise un colector de abastecemento diante da sospeita de que puidera estar a padecer algunha fuga nesta zona.
A estrada Mos-Puxeiros ten un trazado total de 5.665 metros e soporta unha intensidade media diaria duns 3.000 vehículos, do que en torno a un 7% son pesados.