A convocatoria ten por obxecto premiar a aquelas bibliotecas municipais que leven a cabo un proxecto que integre tanto as accións de animación á lectura, como un uso eficiente dos seus recursos, o labor bibliotecario desenvolvido polo persoal ao seu cargo e a integración social das persoas en risco de exclusión na súa comunidade, ademais do uso das novas tecnoloxías ou TIC.
A Biblioteca Pública de Mos co seu proxecto ‘Se queres medrar san e sabio, inclúe un libro na túa dieta’ foi unha das 300 seleccionadas pola comisión de valoración da devandita campaña como beneficiaria dun lote de libros. Deste xeito a Biblioteca mosense suma o seu oitavo premio María Moliner demostrando a súa excelencia no fomento da lectura e o apio á cultura. Excelencia que ven avalada tamén con actividades periódicas organizadas pola concellería de Cultura nas instalacións da Biblioteca Municipal coma o obradoiro audiovisual infantil recentemente realizado para celebrar o Día da Biblioteca.
Para celebrar O Día da Biblioteca achegouse a Mos a compañía A Trastenda dos Contos co obradoiro audiovisual ‘A miña Biblio mola’.
‘A miña Biblio mola’ foi unha actividade coa que os usuarios/as máis novos da Biblioteca de Mos puideron presumir de Biblioteca. Neste obradoiro realizouse un videoclip lúdico para promovela e atraer máis persoas á gran familia que xa representa a Biblioteca Municipal. Dúas horas grabando os distintos espazos da Biblioteca e na que os/as usuarios/as participantes convertéronse nunhas auténticas estrelas de cine.
A innovación de propostas coma esta son as que fan á Biblioteca mosense vencedora recurrente do Premio María Moliner. Este ano, grazas a este novo recoñecemento, a Biblioteca Municipal de Mos atópase incluída unha vez máis no grupo de 300 bibliotecas españolas premiadas co María Moliner, que nesta ocasión celebrou a súa décimo sétima edición.
O concurso de proxectos da campaña María Moliner de animación á lectura vai dirixido a Bibliotecas públicas de municipios de menos de 50.000 habitantes, coma é o caso do Concello de Mos, e ten por obxecto incentivar as accións de animación e fomento da lectura de nenos e mozos, de eficiencia e labor bibliotecaria, así como a integración social nas Bibliotecas públicas.
A concelleira de Cultura mosense, Sara Cebreiro, valorou este venres moi positivamente que a Biblioteca Municipal de Mos sexa novamente receptora deste premio “que valora especialmente o esforzo, traballo e imaxinación aportados ós proxectos e programas anuais de fomento da lectura entre os veciños e veciñas, desenvolvidos polas bibliotecas públicas”, explicou a edil.
A concellería de Cultura á que pertence a Biblioteca Municipal de Mos impulsa unha serie de actividades que complementan os recursos escolares e académicos ademais da mellora da convivencia escolar, familiar e cidadá con proxectos atractivos e pedagóxicos que dinamizan e favorezan a incorporación social sen esquecer o fundamental: o fomento da lectura e a educación en valores.
Neste sentido Sara Cebreiro argumenta que “a Biblioteca debe ser o ente aglutinador e promotor de todas as propostas relacionadas coa lectura. A realización destas tarefas supón a existencia duns requisitos básicos: fondos bibliográficos, recursos tecnolóxicos, relación con outras bibliotecas (no noso caso con bibliotecas escolares), contacto co departamento de Benestar Social e nalgunhas actividades implicación das familias”. Precisamente a habilidade á hora de conxugar todas estas tarefas foi a que facilitou a nova obtención do Premio María Moliner para Mos este ano.