A presentación contou coa asistencia da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Medio Ambiente, Julia Loureiro, o tamén edil municipal Luis Alonso, a experta micóloga Puri Lorenzo, representantes da Comunidade de Montes de Mos e representantes dos seis restaurantes mosenses participantes nas Xornadas Micolóxicas 2016 que ofreceron unha degustación dos pratos que van a servir na Gran Degustación de Cogomelos que se celebrará no contorno do Pazo de Mos o domingo 23 de outubro e a partir desa data e ó longo de todo o mes de novembro nos propios restaurantes.
Ditos pratos son croquetas de setas con castañas e empanada de trigo con setas e castañas da Adega da Tía Carmen, croquetas de xamón e setas e mexilóns tigre con salsa mariñeira e setas, e tarta de oruxo e setas caramelizadas de A Cova de Senlle; empanada de pan de millo de carne de xabarín con setas, carne de xabarín estofada con setas de Bar Faquiña, salteado de setas con gulas con reducción de vinagre de Módena e salsa de frutos vermellos de O Cruceiro, setas empanadas con tosta de tetilla con membrillo de Tapería A Cepa; e pizza mar e monte de salmón afumado con variado de setas e queixo García Ulloa de A Favorita.
Esta degustación estivo maridada con viños xentileza de Disgobe, cos que patrocinaron o evento. E ademais, como novidade, na Gran Degustación do día 23 haberá pan de setas elaborado pola panadería Amaquía.
Outras novidades que haberá o domingo 23 de outubro no contorno do Pazo de Mos é que a Gran Degustación estará complementada cun mercado micolóxico, postos nos que poder probar café e té de setas, a presenza dun artesán que realiza esculturas de setas de madeira. A xornada gastronómica do vindeiro domingo prolongarase dende as 12.00 horas ata as 15.00 horas, horario durante o que se contará coa amenización da Charanga Charamujas.
Pola tarde, a partir das 18.00 horas, no auditorio do Pazo de Mos, proxectarase cine infantil, concretamente será a película «Minúsculos, el valle de las hormigas perdidas». A exposición, consulta de identificación de cogomelos será de 10.30 horas a 14.00 horas e de 17.00 horas a 20.00 horas no Pazo de Mos.
O sábado 22 de outubro de 10.00 horas a 13.30 horas realizarase a saída didáctica para a recollida e identificación de cogomelos, que contará co acompañamento, asesoramento e instrucción de dous monitores especializados. Para participar na mesma requírese inscrición previa no Concello de Mos no departamento de Medio Ambiente, presencialmente ou chamando ao teléfono 986 097 037 ata o día 20 de outubro. Ese mesmo sábado ás 16.00 horas haberá unha exhibición e práctica para o público de tiro con arco a cargo da Sociedade de Caza con Arco ‘Cazarco’ e ás 20.30 horas a Empresa Touceda impartirá unha charla sobre caza.
Durante toda a semana que ven sucederanse as charlas e conferencias sobre micoloxía e monte comunal. Todas serán no Pazo de Mos ás 20.30 horas. O luns 17 de outubro Xesús Balboa López, doutor en Historia Contemporánea, impartirá a conferencia “O Monte Veciñal: Débeda coa historia, reto de futuro”. O martes 18, coloquio e proxección de “Es todas as mans”, documental da Cooperativa Trespés. O día 19, mércores, charla “Introducción á Micoloxía” a cargo de Jaime Blanco, presidente da Asociación Micolóxica “Brincabois” de Pontevedra. O xoves 20 de outubro a bióloga especialista en mocoloxía, Puri Lorenzo, impartirá a charla “Amanitas comestibles e tóxicas”. E o venres día 21, José Luis Tomé, da Federación Galega de Micoloxía dará unha charla sobre cociña con setas: “Cociñar con cogomelos: Os Cantharellus”.