Rosa e a súa familia volven a casa por Nadal. Á mesma casa que fora pasto das lapas en novembro de 2019 en Mos e que agora xa está rehabilitada grazas a unha marea solidaria. Desde o primeiro día, a veciñanza da parroquia de Pereiras mobilizouse para que esa noite do 3 de novembro quedase só nun mal recordo. O feroz lume que destruíu o inmoble deu paso a un movemento altruísta que puxo en marcha á xente, aos voluntarios de Protección Civil e aos traballadores municipais, que se envorcaron no desentullo, a limpeza e o posterior inicio da reforma da edificación.
Pola súa banda, o Concello de Mos, a Comunidade Montes de Pereiras, a A.V.V. Nosa Terra e Cáritas organizaron o dispositivo para a volta a normalidade desta familia canto antes. Na entrega de chaves da casa de Rosa realizada este mércores a alcaldesa, Nidia Arévalo, agradeceu unha vez máis o “gran apoio de tantas persoas e desta parroquia de Pereiras que se envorcou por completo coa familia e, unha vez máis, demostrou que é todo un exemplo e un símbolo de solidariedade”.
Arévalo visitou a casa xunto co presidente da Comunidade de Montes de Pereiras, Jorge Lorenzo, membros de Cáritas Pereiras-Petelos, e o veciño da zona e membro da Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras, que fixo as veces de albanel encargado da obra, Raimundo Pérez Rodríguez, para entregarlle as chaves á propietaria da casa, Rosa Groba.
A rehabilitación desta vivenda foi posible grazas á colaboración mediante aportacións desinteresadas de empresas, voluntarios, veciñanza, Asociación de Veciños, Comunidade de Montes, Concello e traballadores municipais. Ademais, o 1 de decembro de 2019 celebrouse un festival musical para recadar fondos.