A súa actuación servirá de aperitivo para os dous pratos fortes da noite, Radio Cos e Os Carunchos, dous grupos que marcaron tendencia na evolución da música tradicional galega nos últimos anos. E para que a festa non pare, o grupo de gaitas Xiada encargarase de amenizar os intermedios entre os concertos.
O sábado a programación de ‘O Son do Pazo’ iniciarase xa a mediodía cunha sesión vermú con polbo á feira e un obradoiro de danza irlandesa a cargo de Irish Treble. Tralo xantar popular -para o que xa están pechadas as inscricións- a praza do Pazo de Mos acollerá unha nova edición de BailaMos, o festival de danza tradicional no que participarán sete agrupacións diferentes da vila. O grupo folk Algarabía encargarase da animación musical do evento e pola noite a festa correrá a cargo dos Chavellos, Irish Treble, Susana Seivane e Abóbriga.
Entre as novidades desta terceira edición destaca a entrega, por primeira vez, dos Premios ‘Mestre Machiño’, cos que se quere recoñecer o traballo de persoas ou colectivos que destacaran na loita pola conservación da cultura tradicional e o folclore de Galicia. Este venres, ao rematar a actuación da Banda de Gaitas Airiños do Castelo, terá lugar o acto de entrega do galardón.
A Comisión Organizadora do Festival elixiu como galardoado ao profesor e investigador musical Xaime Estévez Vila, natural de Mos e mentor dalgúns dos gaiteiros máis prestixiosos do panorama musical galego. Leva décadas vencellado á divulgación da música tradicional e é o autor de numerosos estudos académicos sobre a historia da música galega.