Os Solpores da Rebullón achéganse ao seu remate e, antes do broche final, este xoves 22 súbense ao escenario os artífices de rock emotivo e conceptual de Todas las batallas perdidas.
Coma sempre, o público que se achegue ás Pedriñas gozará dunha proposta musical diferente e de calidade. Neste caso, Todas las batallas perdidas presentará «Ataraxia», un disco conceptual editado en 2022 que emprega a música para trasladar todo un percorrido vital por distintas emocións e sentimentos. É un traballo de cinco cortes nos que priman os contrastes: de riffs pesados e violentes a paisaxes ambientais con atmósferas oscuras.
O concerto será este xoves, 22 de agosto, ás 21:00 horas, no escenario ao aire libre habilitado pola Comunidade de Montes de Tameiga no exterior do CSCD As Pedriñas, en Mos, con acceso a través da billeteira inversa, no que o público entra de balde e abona o que considera xusto ao remate do espectáculo.
Todas las batallas perdidas dá nome a un proxecto que nace das cancións compostas por Hugo (Clown, ÁnimA, CoVa) entre 2018 e 2019, ao que se unen Álvaro Lorenzo (Apeiron, Pescando en Copacabana, Los Sesuales, Johnny Cat & The Poor Dogs), Paio (ÁnimA, CoVa, O Sonoro Maxín, New Generation Big Band, Johmy Cat & The Poor Dogs) e David (Último Dios, Poetas do Kaos, Trut69, Los Sesuales, CoVa, Natural-Zero), dando forma a unha banda de veteranos da escena musical do Ribeiro.
Unha cita imperdible para as persoas afeccionadas á boa música ao aire libre, a penúltima dos Solpores da Rebullón deste verán. Logo deste concerto, o último xoves de agosto, o próximo día 29, Jay & The Smoking Machines porán o broche final ao festival ás 21:00 horas, co seu rock clásico e enérxico.
A Sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a sala Rebullón converteuse en só seis anos nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia. Vén de alzarse co Premio Martín Códax da Música 2023 á mellor sala de concertos, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro que aglutina a máis de 400 familias comuneiras e xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal para conseguir beneficios medioambientais, sociais, enerxécticos e económicos para a súa veciñanza. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de costo.
Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con máis de 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os costes de producción e mellorando a competitividade das empresas.
Por outra banda, a CMVMC de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do CSCD As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.