“Non é posible por parte do Concello de Mos a subvención das tarifas do transporte aos veciños empadroados no seu termo municipal fundada no criterio do empadroamento, por contravir o principio de igualdade constitucionalmente recoñecido, e ademais por non cumprir co obxecto establecido na lei de subvencións. Polos mesmos motivos faise inviable a firma dun convenio de colaboración entre os Concellos de Vigo e Mos, coa finalidade de que o Concello de Mos financie unha bonificación das tarifas por un servizo de transporte do que é titular e presta o Concello de Vigo”, recolle o informe.
En resposta ás declaracións do alcalde de Vigo, Abel Caballero, nas que di que “non bonificará aos cidadáns de Mos que viaxen no autobús de Vigo”, a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, insistiu en que “non pido ningunha bonificación especial para os mosenses, senón únicamente o que lles corresponde por lei e por dereito”.
Para elo, enviou ao consistorio vigués un requirimento para instarlle a que “respecte a legalidade”. “Non pretendemos nin esperamos favores de Vigo, tan só que se cumpra o que a lei establece”, reclamou.
Arévalo concluíu lamentando “profundamente” a actitude de Caballero, quen afirma literalmente que “non temos que reunirnos para isto”. “O alcalde de Vigo esgotou a vía do diálogo que dende Mos propoñiamos para pórlle solución a esta problemática que como alcaldesa tanto me preocupa, cando a veciñanza mosense que traballa na cidade olívica me traslada a súa desesperación ante á situación que se lles aveciña pola que terán que multiplicar o importe do que gastan en autobús para acudir aos seus postos de traballo”, explica Arévalo.