A aparición dun positivo por Covid-19, aínda que asintomático, entre o persoal de confianza da Alcaldía do Porriño obrigou á propia rexedora, Eva García, e a outras persoas do seu equipo a gardar corentena durante dez días, segundo establecen os protocolos.
Deste xeito, cancelouse a axenda oficial prevista para este luns 18 de xaneiro. A alcaldesa vese na obriga de suspender as reunións presenciais que ía manter. Unha delas con Andrés Fernández, conselleiro delegado do Grupo Zendal, que fabrica no Porriño unha das vacinas contra a actual pandemia. A entrevista que se adía está relacionada cos plans de expansión desta firma no Porriño.
Eva García tamén ten que aprazar a visita e reunión que ía manter co empresario Indalecio Cuevas, presidente da entidade urbanística de conservación do polígono da Granxa. Con todo, a rexedora manterá parte da súa actividade a través de teletraballo.