A veciña máis lonxeva do Porriño, Bienvenida Lorenzo, celebra hoxe o seu 102 aniversario rodeada do agarimo da súa familia, amigos e veciños. Nacida o 13 de novembro de 1922 no municipio veciño de Mos, Bienvenida trasladouse con tan só 18 anos ao Porriño, onde viviu ata o de hoxe.
Neste día tan especial, a celebración foi dobre, xa que o seu bisneto Daniel tamén cumpre 21 anos. A familia de Bienvenida, que sempre foi o seu maior apoio, festexaron o seu aniversario acompañados polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, quen non quixo perder a oportunidade de render homenaxe á avoa do Porriño.
O alcalde, quen visitou a Bienvenida no seu fogar para felicitala e expresarlle o agarimo de todos os seus veciños, entregoulle un fermoso ramo de flores como símbolo de admiración e afecto. Durante a celebración, Bienvenida compartiu un entrañable momento xunto con todos eles soprando as velas da súa torta e pedindo un desexo moi especial, que decidiu gardar no seu corazón para que se cumpra.
“Ela é auténtica memoria viva do Porriño”, apuntou Lorenzo, “Cunha saúde admirable e unha mente aguda, goza compartindo os seus recordos e a súa sabedoría todos nós, e nós o disfrutamos se cabe máis ca ela”. Nai de catro fillos, avoa de catro netos e bisavoa de oito, Bienvenida segue sendo unha fonte de inspiración para a súa familia, a quen ensinou o valor do amor, o esforzo e a dedicación ao longo da súa vida.
“Hoxe, celebramos a sorte de contar con Bienvenida, unha muller que foi testemuña dos cambios e avances que marcaron a historia do Porriño e que continúa, aos seus 102 anos, sendo un piar fundamental para todos os que a coñecen e queren”, concluíu Lorenzo, “En nome todos os veciños e veciñas do Porriño, parabéns e a seguir cumprindo!”.