Tal e como resaltou a presidenta da institución provincial, “concretamente actuamos en 93 campos de 39 concellos da provincia de Pontevedra, 60 de herba sintética e 33 de herba natural”. Estas actuacións están contempladas no Plan Estratéxico de Deportes “que non existía nesta administración” e que foi creado “co obxectivo de garantir a recuperación dos campos de fútbol da provincia que, en moitos casos, presentaban un estado de conservación deplorable pola falla de previsión do seu mantemento”.
En relación ás actuacións nos 93 campos de fútbol, Carmela Silva salientou que “cedemos, baixo demanda dos concellos, maquinaria e persoal especializado para tratar os campos de herba sintética e natural que, ata este ano, non tiñan ningún tipo de mantemento”.
Carmela Silva tamén explicou que “con este programa, dotado de medios materiais como un tractor e un apeiro subsolador-varredor, realizamos ao longo deste ano labores de limpeza e retirada de elementos non desexados, descompactación e renovación do céspede e/ou da carga para que non perda calidades de amortecemento, cepillado da cuberta artificial para evitar a perda de elasticidade e rozamento, así como dotamos de medios para a reposición de area e caucho. Amais, no caso dos campos de herba natural, impulsamos o escarificado, picado e cedemos unha sementeira”.
Neste 2017 a Deputación de Pontevedra atendeu a todos os concellos que o solicitaron por rigorosa orde de rexistro de entrada da solicitude, “con transparencia, obxectividade, equidade e sen mirar as cores políticas dos alcaldes e alcaldesas de cada concello.”. Concretamente, os concellos beneficiados polo plan foron: Agolada, Arbo, Baiona, Barro, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, A Cañiza, Covelo, Cuntis, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Lalín, Moaña, Mondariz, Moraña, As Neves, Nigrán, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontevedra, O Porriño, Portas, Redondela, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra do Miño, Sanxenxo, Soutomaior, Tomiño, Valga, Vilaboa, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa.