O Festival de Cans arranca os chimpíns este xoves, coa apertura oficial da XIX edición do certame. Por primeira vez, este ano o título escollido para dar o disparo de saída é unha serie, ‘Rapa’, a nova creación do equipo da exitosa ‘Hierro’, con Jorge Coira e Elena Trapé na dirección.
A retrospectiva de pezas curtas de Margarita Ledo, a proxección de ‘Un blues para Teherán’, o primeiro documental de Javier Tolentino, que realizará un programa de radio desde o Torreiro, as presentacións de libros do espazo LendoCine, a Noite Lasal dos Videoclips ou o concerto de Sila Lua son algunhas das propostas para a terceira xornada do festival, na que tamén se presentará o proxecto Lingua rodada dos Cans do Futuro coa participación do coñecido actor Rubén Riós.
A estrea do primeiro capítulo da serie ‘Rapa’, en simultáneo na plataforma Movistar +, terá lugar ás 20.30 h no Círculo Recreativo Cultural do Porriño. Alí acudirá en chimpín unha ampla representación do reparto deste thriller, rodado na serra da Capelada, coa coprotagonista Mónica López á cabeza. Ademais de Mabel Rivera, Lucía Veiga, Eva Fernández, Santi Prego e Ricardo de Barreiro, estará tamén o seu creador e guionista, Pepe Coira, e a directora de produción de Portocabo, Ana Míguez. Ao remate da proxección, con entrada libre ata completar cabida, participarán nun coloquio co público asistente.
Nesta terceira xornada da semana grande, o Festival de Cans inclúe tamén na súa programación a primeira parte de Sinais furtivos, unha retrospectiva de pezas curtas de Margarita Ledo. A cineasta, que este ano recibe o Premio Pedigree, estará o venres en Cans no segundo pase dos dez filmes desta compilación, algúns deles inéditos e esparexidos por varios arquivos e que o Festival de Cans rescata a modo de traxectoria vital da directora.
Mesa sobre distribución e María Casares nos encontros deste xoves
O baixo de Carlos acollerá encontros entre profesionais do audiovisual o xoves pola mañá. Co título Onde imos proxectar as nosas películas? desenvolverase unha mesa sobre distribución coa experiencia recente das cintas ‘María Solinha’ e ‘Malencolía’. Intervirán o director da primeira, Ignacio Vilar, pioneiro en fórmulas de éxito na distribución das súas películas, a xornalista cultural María Yáñez, exploradora tamén de alternativas fóra das convencionais, e Pablo Baños, terceira xeración de Baños Filmes, empresa histórica da distribución de películas en Galicia.
María Casares volverá centrar o segundo dos tres coloquios Aisge, 100 anos da nosa máis grande actriz: María Casares, coa presenza do escritor e editor Miguel Anxo Fernán-Vello e de Sabela Hermida, actriz estudosa desta referente do teatro europeo. Ambos sumaranse pola tarde no Porriño ás presentacións de libros de LendoCine. Javier Tolentino, Ignacio Vilar, Luis E. Froiz e Diego Giráldez serán outros dos participantes nesta sección, que se celebra no Parque do Cristo do Porriño a partir das 17.30 h. Despois da presentación as autoras e autores asinarán os seus libros a quen así o desexe, xa que haberá un espazo adicado aos libros relacionados co festival.
Concurso de pintura e de videoclips
Dous anos despois, as rúas do Porriño volven ser un dos escenarios destacados do festival. Por elas pasarán este xoves 19 os chimpíns e celebrarase o concurso de pintura rápida Pintar o Cine con Galpi. Galicia de Pinturas é un dos numerosos patrocinadores desta XIX edición, en total máis dunha vintena, que fan de Cans o festival con maior número de apoios privados de Galicia.
Outro dos fieis soportes do Festival de Cans é Lasal Cocinas na noite do concurso de videoclips, que principia ás 22 h na praza do Concello con 15 traballos a competición este ano. Trala proxección, ás 23.30 h será a quenda da música urbana e a electrónica experimental da viguesa Sila Lua que pechará a xornada de apertura oficial do XIX Festival de Cans.
Programación Festival Cans para o xoves, 19 de maio