O Concello do Porriño, a plataforma Tropa Verde e directivos da Asociación Nacional de Empresas Distribuidoras de Electrodomésticos (ADEN) presentaron este martes a iniciativa de recollida e reciclaxe de pequenos aparellos eléctricos e electrónicos fóra de uso.
Por terceiro ano consecutivo Tropa Verde e o Concello do Porriño manteñen a súa colaboración coa finalidade de concienciar aos porriñeses sobre a importancia da reciclaxe.
Este ano tres establecementos de venda de electromésticos do Porriño súmanse como entidades colaboradoras e foron habilitados tres puntos novos onde se facer entrega de aparellos eléctricos en desuso. Son “Master Dani”, na rúa Progreso, 15; “Connecta Bugarín” no lugar de Abelenda, 2 en Pontellas; e “Tien 21 Reverendo” na rúa Ramiráns, 13.
O obxectivo de Tropa Verde é incentivar as boas accións ambientais e a reciclaxe a través de recompensas directas aos cidadáns comprometidos. Cada vez que unha persoa acuda a unha destas tendas a entregar un electrodoméstico vello, recibe un cheque con estrelas que pode trocar por recompensas en forma de premios e descontos nos comercios e hostalaría local adheridos á iniciativa.
Para estimular a participación da veciñanza do Porriño Tropa Verde vai realizar “un labor de buzoneo para contrarrestar a falla de información que moitas veces dificulta a reciclaxe”, segundo informou Marta Morán, responsable de Tropa Verde.
Pola súa banda Javier de la Cerda, secretario xeral e Paula Paz, directora técnica da Asociación Nacional de Empresas Distribuidoras de Electrodomésticos, explicaron que esta organización patronal engloba as cadeas de distribución e as tendas de venda de electrodomésticos que son comercios locais ou de proximidade que teñen un maior compromiso co medio ambiente. “Nós representamos a máis de 600 establecementos polo que estamos presentes en máis de 170 concellos de Galicia e sumamos unha superficie de venda na nosacomunidade que supón 96.000 metros cadrados máis do que teñen as grandes superficies comerciais”, indicou Paula Paz.
28 toneladas recollidas en 2018
A empresa Teimas Desenvolvemento, e a concellería de Limpeza do Porriño puxeron en marcha o proxecto Tropa Verde en maio de 2017 coa finalidade de concienciar aos porriñeses sobre a importancia da reciclaxe e a correcta xestión dos residuos.
Estes centros no exercicio 2018 xestionaron máis de 28 toneladas de Residuos (550 aparellos ao final da súa vida útil) e o obxectivo é incrementar a recollida destas fraccións a través desta colaboración.