Un home de 40 anos foi detido nas últimas horas no Porriño por un delito contra a saúde pública, por tráfico de drogas, nun operativo no que se interviñeron varias doses de cocaína e heroína, segundo informou a Policía Local da vila.
Os feitos ocorreron o pasado sábado nas inmediacións da rúa Lugo. Un condutor levantou as sospeitas dunha patrulla ao observar unha estraña manobra do vehículo. Así, realizouse un seguimento solicitando a colaboración doutra unidade e avisando tamén á Policía Local de Mos, xa que se trata dunha zona fronteiriza entre ambos municipios.
Unha vez interceptado o automóbil, procedeuse á procura correspondente co descubrimento de 15 papeis de cocaína e outros dous envoltorios de heroína. O arrestado foi posto a disposición xudicial.
Por outra banda, a Policía Local do Porriño tamén esclareceu un roubo de dous vehículos roubados en Valencia e que puideron ser recuperados e entregados ao seu lexítimo propietario esta pasada fin de semana.
Finalmente, o corpo municipal quixo recalcar a “obriga de levar máscaras e cumprir os protocolos anti-Covid”. Os axentes continúan cos controis que, ata este luns 11 de xaneiro, provocaron 20 denuncias no que vai de 2021.