A CIG de Vigo desenvolveu este mércores unha nova mobilización para denunciar a cuarta morte dun traballador en accidente laboral no Porriño no que vai de ano. «A precariedade laboral mata» foi o lema do cartel co que os delegados da central concentráronse e percorreron o perímetro das instalacións que a empresa Sólido Feed, á que pertencía o operario falecido, comparte con outra empresa no lugar de Vilafría, en Atios.
Dende a central sindical se esixen máis medidas de seguridade xa que, subliñan, a elevada precariedade laboral, os altos ritmos de traballo e a falta de medidas de protección adecuadas están detrás de boa parte dos accidentes laborais que se producen.
Durante a protesta, que se prolongou por espazo dunha hora dende as 10:00 até as 11:00 horas, berraron consignas como «Emprego estable e con seguridade» e «Accidente laboral, terrorismo patronal».
Ao mesmo tempo, lembraron que se trata do cuarto accidente laboral con resultado de morte que se rexistra no Porriño no que vai de ano, polo que fixeron un chamamento ás empresas para que extremen a seguridade e a protección dos seus cadros de persoal. «Seguiremos a esixir que se cumpran as medidas para garantir a integridade física dos traballadores/as e agardamos non ter que volver a mobilizarnos en lembranza dun compañeiro/a», resaltaron.