Dende a representación dos traballadores rexeitan o novo ERE, cuxa comisión negociadora se constituirá nos vindeiros días, e lembran que se trata do noveno que presenta a empresa, ao tempo que denuncian que o persoal segue sen cobrar o salario íntegro de decembro e paga completa dese mesmo mes. Con estes atrasos o propietario de Maderas Iglesias está a incumprir os acordos que permitiran suspender a folga convocada a finais do ano pasado.
“Non vemos unha saída á situación que estamos a padecer os 200 traballadores que quedamos, e a dirección segue sen aclarar cal vai ser o futuro da compañía”, denuncian. Queren deixar moi claro que o ERE non é a solución, e critican a actitude do empresario e a falta de implicación da Xunta.
“O Goberno galego comprometérase a buscar unha solución pero pasa o tempo e todo segue igual”, polo que aseguran sentirse abandonados. Neste senso, aseguran que “semella que os traballadores somos os únicos que queremos que a empresa sexa viábel e siga a funcionar”.