O Porriño prepárase para celebrar as súas festas patronais cunha programación que abrangue 30 días e máis de 80 actividades. As Festas do Cristo 2022 foron presentadas este xoves polo alcalde, Alejandro Lorenzo, o seu equipo de goberno e representantes do tecido asociativo da vila con novidades como Coque Malla (venres 23 de setembro) no exterior do pavillón municipal ou Treixadura (xoves 22) na rúa Domingo Bueno, que se unen a Tanxugueiras e Gisela.
Os amantes das verbenas poderán gozar de directos con orquestras como París de Noia e América, M3 e Atenas, La Dimensión e El Combo Dominicano ou América e Triunfo. Ademais, súmase á celebración o Montando Cristo Festival con bandas como Zalomon Grass, Inmates, Zona Zero ou The Broke.
Outro dos pratos fortes do programa é a volta de eventos como o concurso musical ‘Tes Talento?’ ou o Louro Valley Festival, de música electrónica, que se celebrará o venres 23 de setembro e cuxo cartel será presentado oficialmente nos próximos días.
A programación queda completada con actividades para todos os públicos con opcións como teatro, monólogos, espectáculos infantís como o concerto de ‘Uxía Lambona e a Banda Molona’ ou ‘Petiscos de lingua’, deportes da man dos clubs deportivos da vila, cine ao aire libre ou monólogos como o de Pepo Suevos ou Arantxa Treus.
O broche de ouro o poñerá a Festa dos Callos o domingo 2 de outubro. A festa será presentada nunhas semanas, onde se desvelarán as sorpresas coas que conta este ano.
“Despois dos anos tan difíciles que tivemos que vivir merecemos aparcar por uns días os problemas e facelo xuntos, gozando destas festas con todas esas persoas que nos acompañan sempre, a nosa familia, amigos e veciños. Confío en que estas festas nos sirvan para iso aos porriñeses e porriñesas, para festexar o afortunados que somos de ternos os uns aos outros e de formar parte de alto tan noso e tan auténtico, O Porriño”, apuntou o alcalde.
Lorenzo quixo destacar o apoio de todas as asociacións culturais e veciñais, clubs deportivos e de todos os veciños e veciñas que contribuíron desinteresadamente no programa das Festas. “Sen o voso esforzo e implicación non sería posible e non podo máis que agradecer a ilusión coa que nos axudastes a facer realidade estas festas, que son por e para vós”, concluíu o rexedor.