Dous axentes da Policía Local do Porriño evitaron este mércores o suicidio dun home de 47 anos que se atopaba na varanda da ponte de acceso á autovía A-55 co polígono de As Gándaras. Grazas á colaboración cidadá, recibiuse o aviso de que unha persoa estaba agarrada pola parte exterior da varanda da ponte “con claras intencións de arroxarse cara a vía do tren”, segundo sinala o atestado.
Cando a patrulla chegou ao lugar, observou esa situación e tamén a un grupo de persoas que, a unha distancia prudencial, intentaban convencelo para que non se lanzara. Nese intre circulaba un tren por debaixo da ponte.
Os dous axentes actuaron “con rapidez e destreza”, segundo informa o Concello. Mentes un deles empezou a falar coa persoa que pretendía tirarse, o outro policía agarrouno polos brazos e o pescozo para evitar que se precipitara ao vacío. Deste xeito, puideron retiralo da zona de perigo ata que chegou unha ambulancia e o trasladou ata o centro de saúde.