A maxia do Nadal chega Porriño este sábado 23 de novembro, co tradicional acendido da iluminación do Nadal, un evento que marca o inicio das celebracións máis entrañables do ano.
A cita, que promete encher de ilusión as rúas da vila, comezará ás 17:30 horas na Praza Arquitecto Antonio Palacios e estenderase ata o final da xornada, convertendo O Porriño nun verdadeiro escenario de luz e música.
Como xa é costume, serán os usuarios e usuarias de Aceesca quen, coa súa mensaxe de esperanza e os seus sorrisos, se encarguen de pulsar o botón que acenderá o Nadal. Un xesto cheo de simbolismo e de calor humana que, ano tras ano, emociona a pequenos e maiores.
O evento iniciarase ás 17:30 h cunha dobre dose de cultura e tradición: a actuación do grupo Folk da Escola de Música do Porriño e o de gaitas da Asociación Cultural os Penediños de Atios. Ás 19:00 h chegará o momento máis esperado, o aceso das luces que adornarán as rúas, parques e prazas do municipio, creando unha atmosfera única e máxica. A cerimonia contará co pregón a cargo de Aceesca, unha mensaxe de empatía e inclusión para todos os porriñeses.
Unha vez que O Porriño brille coa luz do Nadal, a festa continuará co concerto de King Kids e para culminar a noite coa mellor das enerxías, a sesión de Dj Dorman poñerá o broche de ouro.
Concurso de decoración
Por outra banda, tamén está aberto xa o prazo para apuntarse ao concurso de decoración e iluminación de Nadal no que poden participar establecementos comerciais, vivendas e comunidades de veciños.
Con este concurso dende o Concello queren promover a participación activa da veciñanza na decoración do pobo e tamén visibilizar e apoiar ao comercio local, conseguindo infundir un maior ambiente navideño no Porriño. Todo isto, baseado en valores como o traballo en común e a cooperación.
As bases que rexerán o concurso están publicadas. Poderán participar vivendas, comunidades de veciños e establecementos comerciais, hostaleiros e outros negocios empresariais que conten con establecemento físico e aberto ao público. Todos eles do Porriño.
No caso dos establecementos comerciais valoraranse as súas fachadas e escaparates, que terán que ter un deseño de Nadal. No caso das vivendas valorarase a decoración exterior, aceptando tanto os balcóns, fachadas, ventás e toda a que poida observarse desde a rúa. Por último, no caso de presentarse na categoría de comunidades de veciños renunciase a un posible premio individual e valorarse a decoración exterior. En todo caso a decoración deberá estar visible antes do día 11 de decembro.
No que respecta aos premios dirimiranse por media ponderada do voto do xurado (80%) e do voto popular que se realizará a través das redes sociai (20%). Na categoría de establecementos comerciais o primeiro premio será de 900 euros, o segundo 700 euros e o terceiro 450 euros. No caso de vivendas e comunidades veciños haberá dous premios en cada unha das categorías, un primeiro de 400 euros e un segundo de 250 euros.
A inscrición é totalmente gratuíta e poderá realizarse por rexistro ou mediante o envío da documentación solicitada ao seguinte correo electrónico: rexistro@oporrino.org . O prazo de inscrición xa está aberto e pode formalizarse ata o 9 de decembro.
Campamento de Nadal
Dentro das actividades programadas polo Concello para as festas navideñas non podía faltar o campamento de Nadal, que abre o prazo de inscripción este luns, 26 de novembro.
Trátase dun programa de lecer e tempo libre dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos e que se desenvolverá en varias datas do período vacacional escolar, deseñado para fomentar o desenvolvemento integral dos menores a través de xogos, talleres, dinámicas de grupo e actividades deportivas.
O obxectivo principal do campamento é ofrecer un espazo lúdico e educativo que favoreza a conciliación da vida familiar e laboral das familias do municipio, proporcionando aos nenos e nenas unha contorna segura, de diversión e aprendizaxe durante as vacacións. Ademais, será unha oportunidade para que os nenos e nenas desenvolvan a súa sociabilidade e gocen dun ambiente de encontro e relación cos seus compañeiros.
O campamento desenvolverase os días 23, 26, 27 e 30 de decembro de 2024 e 2, 3 e 7 de xaneiro de 2025.
As actividades levaranse a cabo en horario de mañá, de 9:00 a 14:00 h. Ademais, ofrecerase a opción de aula matinal, con entrada a partir das 8:30 h e recollida ás 14:30 h, para facilitar a conciliación das familias.
A actividade é completamente gratuíta e requírese inscrición previa, tendo preferencia os nenos e nenas do Porriño. O prazo para inscribirse será do 26 de novembro ás 8:59 h ata o 2 de decembro ás 8:59 h. As inscricións poden formalizarse de maneira presencial no rexistro municipal ou a través da sede electrónica do Concello do Porriño.