O Parque do Servizo Contra Incendios do Porriño recibiu este luns o novo vehículo pesado de rescate e de extinción en altura que se incorpora aos medios materiais do Consorcio provincial, adscrito á Deputación de Pontevedra e participado ao 50% pola Xunta de Galicia. Este novo camión, adquirido á empresa Incipresa cun investimento de 777.304 euros, terá a súa base no Parque de O Porriño aínda que a súa operatividade se estenderá ao resto dos parques do Consorcio radicados en Vilagarcía, Ribadumia, e Bueu.
O obxectivo da adquisición é mellorar o funcionamento e capacidade dos efectivos naquelas intervencións en altura que se presenten. Unha vez que o vehículo xa está no parque, iniciarase un proceso de 10 días de formación de todo o persoal, que permitirá acadar un elevado coñecemento do uso con seguridade do brazo.
En canto ás características técnicas, trátase dun vehículo con chasis-cabina Mercedes-Benz con melloras nas súas características mínimas e condicións operativas. O camión consta de dous brazos articulados que permiten o xiro e traballar ata 5,5 m por debaixo da cota cero; permite a elevación de ata 2000 kg e dispón dunha carga mínima da cesta de gran capacidade, soportando ata 500kg.
A cesta do vehículo está dotada de rociadores de auga, sistema anticolisión e medición do vento automatizados para aumentar a seguridade do traballo en entornos con fume ou inclemencias meteorolóxicas; dispón de iluminación, carrete de extinción de incendios e tomas de aire respirable aumentando o tempo de traballo e efectividade dos bombeiros.
O camión conta cun monitor para lanzar auga/escuma electro-hidráulico con funcionamento por control remoto e caudal superior aos 2000 l/min, regulándose o alcance de xeito automático. Isto permite que incluso dende a base do camión, un só bombeiro actúe co monitor. Igualmente está dotado de postos de control con pantalla a cor e unidade de mando remoto de control por radio que permite actuar nun radio mínimo de 100m do vehículo.