Os restos mortais da persoa que fora atopada hai máis de dous meses no interior dun pozo situado no Porriño serán inhumados este xoves no Cemiterio Municipal. O Concello terá que facerse cargo do proceso, xa que o cadáver non fora identificado nin reclamado desde que se atopou o pasado 21 de febreiro.
Como consecuencia, o Xulgado de Instrución número 3 da vila solicitou á administración local que se fixera cargo do levantamento e recollida dos restos mortais, actualmente depositados no Tanatorio Vigo Memorial, para a súa inhumación nun nicho de titularidade municipal. Estes trámites levaranse a cabo coa presenza da Garda Civil.
O cadáver fora localizado nun pozo situado xunto a una nave na zona de O Cerquido. O achado produciuse cando o lugar era inspeccionado polos propietarios das instalacións, que tiñan previsto acometer unha reforma. O pozo estaba tapado, como se houbese intención de manter oculto o que había no seu interior.
Inicialmente, a Policía Local acudira para colaborar no rescate do que parecía un animal. Con todo, pouco despois, xa comprenderon que se trataba dunha persoa. O corpo atopábase en avanzado estado de descomposición e a Garda Civil iniciou unha investigación.