O Concello do Porriño anunciou este luns que traballa xa na elaboración das bases do Entroido 2022. A expensas da evolución da pandemia e tamén do protocolo específico comprometido pola Xunta de Galicia que permita determinar a data do desfile, o goberno municipal aclarou hoxe que o Entroido volverá este anos ás rúas do Porriño e xa se está organizando.
“Temos claro que esta é unha das festas máis agardadas por moitos porriñeses e por iso decidimos seguir adiante e facelo con todas as garantías sanitarias”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo. “En principio o desfile de comparsas e o Enterro da Sardiña celebrarase nas datas establecidas, sempre que os protocolos sanitarios e a situación epidemiolóxica nos permita facelo con seguridade. De non ser así, o aprazaremos para cando sexa posible, pero o Entroido anegará as nosas rúas este ano”.
Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, animou ás comparsas a “ir preparando os seus disfraces e carrozas para devolver a cor, humor e troula destas festas á nosa vila”.