O Festival de Cans presentou hoxe na sala Riquela Club de Santiago a súa imaxe gráfica para a edición XXI do certame, que terá lugar entre o 21 e 25 de maio. A imaxe do festival para este ano foi deseñada por Pablo Rodríguez, do equipo de Rei Zentolo. A presentación de hoxe asistiron a presidenta da Asociación Arela de Cans, Keka Losada, a señora Alicia, veciña de Cans, e o deseñador de Rei Zentolo, Pablo Rodríguez e o director do festival, Alfonso Pato. Tamén asistiu a actriz Sara Casasnovas, que nesta edición presentará na sección «A que andas», o proxecto do filme «Alevosía», que será o seu debú na longametraxe.
Durante a presentación anunciáronse algúns dos contidos do festival deste ano que contará cunha retrospectiva internacional dedicada a prestixiosa produtora francesa Société Acéphale, que toma o seu nome da revista de filosofía radical de Georges Bataille e foi fundada en 2015 por Lorenzo Bianchi e Anthony Lapia, estudantes da Universidade Paris 8.
Pablo Rodríguez, deseñador de Rei Zentolo, explicou que para a realización da imaxe gráfica do festival inspirouse nos elementos máis característicos do evento como son o Torreiro das Estrelas, os chimpíns, o Can ou o galiñeiro. Ademais, faise unha referencia ao símbolo da paz «tan necesario, por desgraza, nestes días de guerra en lugares como Ucraína ou Gaza» e a estética está inspirada nas cerámicas de Sargadelos «que sempre foi unha empresa de referencia para Rei Zentolo».
Pola súa banda, o director do festival, Alfonso Pato, explicou que un dos puntos fortes desta edición será a retrospectiva dedicada á produtora francesa Société Acéphale, coa estrea de curtas e longametraxes en Cans e a presenza de distintos directores e produtores vinculados a Acéphale que virán a Cans e participarán en diversos encontros co público e con realizadores galegos. Tamén destacou que este ano houbo un récord de curtas presentadas a concurso, con máis de 250, e que entre as actividades do festival desta edición haberá unha homenaxe ao músico vasco Kepa Junquera no galiñeiro que levará o nome deste artista que tivo una actuación histórica en Cans hai dez anos.
Estamos de estrea!! Hoxe presentamos a que será a nosa imaxe deste ano. Un cartel ben fermoso o que deseñaron os amigos de @Reizentolo Adiante!!!
Grazas un ano mais a: @XUNTACULTURA @PorrinoConcello @estrellagalicia @culturaxunta @cineICAA , @deleitegalego @SomosAISGE @gadis pic.twitter.com/QAQQPsqGiv— Festival de Cans (@festivaldecans) April 3, 2024
A señora Alicia explicou que ten moitas ganas de asistir ao festival este ano para ver aos seus amigos e os organizadores do festival indicaron que farán todo o posible para facer realidade o seu sono. Sara Casasnovas anunciou que en Cans poderá verse por primeira vez o teaser da súa futura longametraxe Alevosía, un ambicioso proxecto híbrido entre ficción e documental, baseado nunha historia persoal e que será «unha mistura entre Frankenstein e Cabaret».
A retrospectiva sobre as producións de Société Acéphale, a máis ambiciosa da historia de Cans, terá unhas sesións previas ao inicio do festival que se celebrarán o xoves 16 e o sábado 18 de maio no Centro Cultural do Porriño, onde se proxectarán dúas longametraxes da productora. Xa durante o festival haberá diversas sesións de proxeccións das curtas realizadas pola produtora francesa e charlas e coloquios con destacados representantes de Acéphale.
Société Acéphale é unha das produtoras francesas con maior proxección internacional, con presencia nos festivais máis importantes, e curtas e longas premiadas nos certames cinematográficos de maior prestixio. A retrospectiva que poderá verse en Cans e a primeira que se celebra en España e no mundo e inclúe unha selección de obras en formato curto e longo de diversos xéneros e estilos. Ficción, documental de creación e cinema experimental son algún dos exemplos desta cinematografía caracterizada por unha estética poderosa e unha forte compoñente política.
Seis curtas e dúas longametraxes de Acéphale
A selección inclúe seis curtametraxes e dúas longametraxes, dos cales 4 serán estreas en España e 3 en Galicia. As longametraxes poderán verse na Casa de Cultura do Porriño en sesión que terán lugar o xoves 16 e o sábado 18 de maio, ás 18:00 horas e con entrada libre. Durante o festival haberá dúas sesión retrospectivas nas que se exhibirán as curtas, con asistencia de actores e realizadores vinculados a Acéphale.
Entre as pezas que poderán verse en Cans atópanse Le petit, de Lorenzo Bianchi, protagonizado polo actor Paul Blain e pola cineasta Valérie Massadian -protagonista do foco na edición de 2023-, e premiado coa Mellor Fotografía en Clermont Ferrand, entre outros premios. É un poderoso relato inspirado na infancia de Georges Bataille.
Da cineasta Camille Degeye poderemos ver dous dos seus traballos, Journey through a body, seleccionado na Semana da Crítica de Cannes e premio á Mellor Película no Festival de Vilnius, e Almost a Kiss, Gran Premio André S. Labarthe no festival Côté Court e Gran Premio no festival Silhouette. Ámbolos dous foron creados co colectivo de cinema analóxico L’Abominable. Do cofundador da compañía, Anthony Lapia, veremos a curta Panda, suxerinte filme de graduación da prestixiosa escola de La Fémis, e a longametraxe After, un dos títulos máis estimulantes da pasada temporada, estreado na sección Panorama da última Berlinale
En Cansestarán presentes Anthony Lapia, Lorenzo Bianchi, Camille Degeye, Eliza Muresan, Matthew Barton e Natalia Wiszniewska -produtora artística, actriz e directora colaboradora en After de Anthony Lapia-, para falar das súas películas e dos seus modos de traballo, nos que a miúdo uns e outros intercambian os distintos roles da produción audiovisual: dirección, guión, montaxe, etc.
Venda de packs do festival ata o 28 de abril
Como xa é habitual nas últimas edición do festival dende hoxe xa están a venda 200 packs en oferta de lanzamento por 20 euros ata o 28 de abril. Cada pack leva unha entrada para as sección de ficción ou animación (12 euros), unha camisola da XXI edición (14 euros), unha chapa de edición limitada (1 euro) e un catálogo impreso en papel (3 euros). Os que aproveiten está oferta terán un desconto de 10 euros sobre o prezo final do pack sen promoción. Os packs poden adquirirse na web do festival.