O Festival de Cans, cuxa XXI edición terá lugar do 21 ao 25 de maio nesta aldea de O Porriño, promove este ano un documental sobre o cura Cesáreo Silva Campos, que estivo destinado na aldea de cans entre principios dos anos 50 e finais dos 80 do pasado século.
«Don Cesáreo, o cura da Vespino», será o título deste traballo documental colectivo que se desenvolverá no Proxecto Cans 303, que impulsa o Festival de Cans coordinado polo cineasta e videoartista Juanna Lodo. O obxectivo deste proxecto que comezou hai máis dunha década é rescatar e preservar a memoria oral e documentación inédita como fotografías, vídeos, rexistros sonoros ou páxinas de xornais impresos.
Cesáreo Silva naceu en 1930 no barrio de Atín, na parroquia de Cela en Mos, e estivo destinado como cura a maior parte da súa vida, nas parroquias de Atios e Cans. Don Cesáreo converteuse ao longo de varias décadas nunha figura imprescindible da paisaxe local.
Un cura corpulento, sempre vestido de sotana, con grandes gafas de aumento e movéndose dun lado a outro cunha motocicleta Vespino de cor laranxa, do que case cada persoa pode contar unha anécdota que provoque un sorriso. Desde as sorprendentes homilías que pronunciaba nas vodas, compadecéndose da Virxe María porque decía que «non tiña lavadora», ata enérxicas discusións, nunha época na que os curas andaban polas casas da xente na Pascua ou nas festas, e se sumaban a unhas comidas interminables. Don Cesáreo faleceu no ano 2010.
O Festival de Cans fai un chamamento para que calquera persoa que teña fotografías, vídeos de vodas, rexistros de audio ou poida aportar historias arredor do cura Cesáreo Silva, poida comunicalo ao certame nunha mensaxe a través das súas redes sociais ou a través de whatsapp no número 657062771. O resultado do traballo poderá verse publicamente na vindeira edición do Festival de Cans.
Todo este material inédito, en moitos casos a piques de perderse e que o festival recupera, leva anos dixitálizándose á par que se desenvolven os documentais colectivos que configuran a memoria da aldea e de toda a comarca da Louriña. En edicións anteriores recuperouse a memoria das mulleres contrabandistas, das feirantas, dos oficios que se realizaban de casa en casa ou reflexións sobre os bares pechados.
Só tres prazas para inscribirse no Proxecto Cans 303
As alumnas e alumnos que participen no Proxecto Cans 303 adquirirán nocións básicas de produción, guión e montaxe audiovisual, ao mesmo tempo que desenvolven un proxecto práctico, neste caso a través do documental «Don Cesáreo, o cura da Vespino». As clases serán impartidas polo cineasta Juanma Lodo e desenvólvense todos os sábados pola mañá ata mediados de maio.
Poden participar alumnos e alumnas a partir de 15 anos e o prezo é de 30 euros, cun desconto do 50% para socios da Asociación Cultural de Cans ou da asociación de veciños da aldea. As persoas que desexen inscribirse poden facelo a través dunha mensaxe privada nas redes sociais do festival. O prazo remata este venres, 22 de marzo e só quedan tres prazas disponibles.