O Concello do Porriño abrirá o vindeiro martes a primeira sala de estudo municipa, nas instalacións do Centro Cívico (Rúa Domingo Bueno, nº 13). Trátase, segundo informou este sábado o Concello nun comunicado, dunha iniciativa da Concellería de Cultura para ampliar os servizos da biblioteca.
“Este novo espazo vén complementar á Biblioteca Municipal, coñecida polo seu labor e sentido de pertenza tanto de porriñesas e porriñeses, como da contorna”, explicou a concelleira Cami Moreira. “Ao mesmo tempo esta separación de espazos con funcións diferenciadas, dará solucións, tanto ás persoas que buscan un lugar para estudar comodamente e en silencio, coma que a Biblioteca Municipal recupera o seu espazo para implementar os servizos bibliotecarios a todas as persoas que queiran gozar do fondo bibliográfico, facendo deste goce un agradábel convite”, engadiu.
A concelleira de Cultura sinalou que “en definitiva, pretendemos converter a Biblioteca nun lugar polivalente que non exclúa ningunha posibilidade, sendo máis atractiva, e con diversidade nos espazos». Esta nova experiencia abrirá as súas portas de 8:30 a 14:30 horas de luns a venres, e coas garantías de seguridade sanitaria polo Covid-19.