O Concello do Porriño anunciou este martes que as persoas interesadas en adquirir algún dos 26 vehículos do parque móbil municipal que se retiraron o outono pasado poderán concertar cita previa para comprobar o seu estado. Os vehículos atópanse no Multiusos de Torneiros e as visitas terán lugar os días martes 9 e xoves 11 de xuño, previa solicitude ante a Policía Local no teléfono 986 335 000, en horario de 09.00 a 14.00 horas.
O Perfil do Contratante do Concello do Porriño permitirá consultar a partir deste mércores as condicións para a presentación de plicas en sobre pechado no prazo que rematará o 19 de xuño.
Entre os 26 vehículos que formaban parte do parque móbil municipal, cunha antigüidade media de 20 anos, figuran un Volvo 580 comprado polo Concello do Porriño e matriculado en 2002, que sairá cun prezo de partida de 2.200 euros.
Tamén hai diversas furgonetas C-15, Citroen Berlingo, Peugeot Partner con 23, 25 e 27 anos de uso. Igualmente, están dispoñibles vehículos da Policía Local como un Land Rover Freelander, un Nissan Almera ou un Peugeot 607 de 2.900 centímetros cúbicos matriculado hai 17 anos. O vehículo que sae cun prezo de partida máis alto é un Ssangyong Action valorado en 5.800 euros.
Os vellos vehículos foron retirados o 8 de outubro de 2019, data na que se entregaron os 25 novos que se incorporaron ao parque móbil municipal mediante unha operación de aluguer.