As persoas interesadas en participar na convocatoria para cubrir, en réxime de interinidade, tres prazas vacantes de auxiliar administrativo no Concello do Porriño poderán comezar a presentar as súas solicitudes este venres 4 de setembro.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este xoves o correspondente anuncio oficial. Previamente, con data 20 de xullo, publicábanse no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) as bases reguladoras do proceso selectivo, polo sistema de oposición libre.
O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais contados desde a data seguinte á da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, polo tanto, a contar desde o 4 de setembro. O trámite pode completarse a través da sede electrónica ou de xeito presencial.
Para efectuar a pertinente xestión presencial no rexistro xeral do concello non será necesario pedir cita previa.