O Concello do Porriño vén de anunciar a entrada en funcionamento de botóns de proximidade que non precisan contacto táctil para activar os semáforos. Trátase dunha medida relacionada cos protocolos de prevención da Covid-19 co obxectivo de previr riscos de contaxio.
Os botóns están colocados nos semáforos de tres cruces da vila. Un deles na Avenida Domingo Bueno, 2. Tamén na mesma avenida, nos semáforos situados diante do Centro Cultural Municipal e da Biblioteca. Igualmente, na rúa Antonio Palacios, concretamente na intersección coa rúa Pérez Leirós. Quedan por instalarse noutros dous semáforos desta rúa -fronte ao Instituto Pino Manso- pero agardarase a que conclúan as obras de ampliación de beirarrúas que se están a acometer.
A implantación destes botóns nos semáforos substitúe ao funcionamento en ámbar no que se atopaban, unha medida que se implantou dende a declaración do estado de alarma, segundo decidiu a Concellería de Seguridade para evitar contacto ao premer, en prevención de contaxios.