O Porriño entrou este xoves en alerta vermella (nivel 3) pola súa taxa de contaxios de Covid-19 nos últimos sete días, segundo publica o mapa que diariamente difunde o Servizo Galego da Saúde. Despois de coñecer este dato, de xeito extraoficial, a alcaldesa, Eva García, contactou coa Consellería de Sanidade, que lle informou da existencia de 26 casos activos de Covid-19 no termo municipal.
A alcaldesa declarou que “a actitude da Xunta de Galicia prodúcenos preocupación e angustia porque carecemos dunha información directa e periódica”. A rexedora sinalou que a Xunta de Galicia “comportase cos concellos con desconfianza o que causa prexuízo aos cidadáns por que produce que reaccionemos tarde”.
Eva García avisou á veciñanza de que “teremos que adoptar medidas duras e incómodas que non gustarán pero son polo ben común” e pediu que “todos os porriñeses e porriñesas cumpran cos protocolos de distancia e protección para evitar a propagación do virus”.