O Centro Rexional da Universidade a Distancia de Pontevedra confirmou hoxe á alcaldesa Eva Garcia, a concesión ao Porriño dun aula delegada da UNED. A comunicación ratifica a concesión que xa databa de 2018 e elimina as dúbidas que xurdiron debido a un cambio de persoas ao fronte dese Centro Rexional da UNED.
Eva Garcia manifestou a súa “ledicia por esta boa nova que en realidade xa o era antes `pero que agora confirmase plenamente e sen xénero de dúbidas”. A alcaldesa lembrou que “deste xeito dáse cumprimento ao acordo plenario acadado por unanimidade pola Corporación Local en maio de 2018” cando Porriño solicitou a concesión desa aula da UNED.
A instalación da aula xa está decidida. Será no local adquirido polo Concello, en escritura do 16 de abril do ano pasado, cunha superficie de 260 metros cadrados na rúa Fernández López, nº 2, por un prezo de 276.342 euros.
O Concello afrontou ese desembolso a través dunha operación de tesourería despois de vender varias parcelas municipais. A opción do aluguer dese local desestimouse pola previsible permanencia no tempo das actividades educativas. A elección do local en rúa Fernández López responde a súa ubicación ó carón do Centro Cultural Municipal e da Biblioteca.
As obras de axeitado do local para acoller as actividades educativas deberán acadar unha dotación económica no Orzamento Municipal deste ano, cunha previsión de gasto de 200.000 € aproximadamente.
Conforme ás xestións realizadas polo Concello coa dirección da UNED e cos presidentes dos Polígonos Industriais de Porriño, a futura aula comprenderá o curso de acceso a maiores de 25 anos á Universidade así como o establecemento de cursos de formación e capacitación para prácticas en empresas.