O acontecido foi un «despropósito», engade a alcaldesa, que sinala que os delegados de ADIF volveron preguntar ao Concello cales son as súas ideas para retirar o paso a nivel do centro do Porriño, algo que “non entendemos” posto que “xa o deixamos claro en setembro de 2015, cando estiven en Madrid con responsables de ADIF, o reiteramos en 2016 cando sufrimos un accidente no que perderon a vida catro persoas e 50 resultaron feridas e o repetimos o pasado mes de setembro, aquí, diante das vías, á directora xeral de Explotación e Construción de ADIF”
“Só hai dúas alternativas posíbeis: ou se fai un desvío ou se soterran as vías, pero o tren non pode seguir circulando polo centro da vila, algo que os porriñeses levamos reclamando dende 1948”.
Así o reiteroun García de la Torre ao subdirector de Infraestruturas de ADIF, Juan Tebar, e ao xefe de área de Pasos a Nivel de ADIF, Francisco Javier Soto del Río, que xunto con tres responsables da consultora G.O.C, entre eles o enxeñeiro Antonio Moreno, estiveron este xoves no Concello.
Estes cinco representantes expuxeron que o borrador de orzamentos xerais do Estado para este ano recolle unha partida de 880.000 euros para a realización dun estudo previo sobre a supresión do paso a nivel. “Nada máis”, salienta a alcaldesa.
“Rematada a xuntanza pedinlle aos membros de ADIF e aos técnicos que ese estudo previo non se limite a uns cálculos, senón que consideren as nosas circunstancias: que vexan a que velocidade transita o tren polo medio da vila ou a distancia, de moi poucos metros, á que pasan os vagóns das casas”, conclúe a rexedora.