«Moi satisfactoria». Así considerou David Alonso, concelleiro de Deportes, a resposta acadada entre a veciñanza cos circuítos habilitados no paseo do río Louro para persoas que saíron a correr ou ben a camiñar. Decenas de veciños e veciñas acudiron dende as 6 ata as 10 da maña nesta primeira quenda, para facer deporte.
«A experiencia deste primeiro dia de poder sair a facer deporte despois de cincoenta días de confinamento, resultou moi positiva polo que observei entre os que acudiron a facer uso dos sendeiros sinalizados», indicou o concelleiro.
«Observamos que o comportamento que tiveron os usuarios foi moi responsable, con criterio e respeto, empregando a marxe dereita para circular e gardando as distancias de seguridade» rematou David Alonso.
Nos días previos, as concellerías de Medio Ambiente e Deportes, nun traballo conxunto, desbrozaron, limparon e sinalizaron os diferentes circuítos cara á desescalada que hoxe comezou.