Axentes de Policía Local e voluntarios de Protección Civil do Porriño comezaron a entregar máscaras sanitarias aos traballadores que se reincorporaron este luns nas empresas e industrias autorizadas polo Goberno central. O corpo municipal montou controis nas rotondas de acceso aos polígonos industriais, onde completaron esta tarefa en colaboración coa Garda Civil.
“O reparto realizouse conforme as instrucións recibidas pola Policía Local e Protección Civil, a través da Subdelegación do Goberno en Pontevedra”, explica o Concello do Porriño.
Por outra banda, a Policía Local seguirá a colaborar coas restantes forzas de seguridade, baixo o mando único do Goberno central, nas tarefas de vixilancia e control do cumprimento do estado de alarma que se mantén dúas semanas máis, polo momento.