O Concello do Porriño entregou aos directores dos centros docentes os routers e tarxetas de datos para que os alumnos que carecen de conexión á internet poidan seguir as clases en igualdade de condicións co restos dos seus compañeiros. Unha vez coñecidas as necesidades por cada escola, foi preciso adquirir 250 routers e outras tantas tarxetas de conexión de 60 GB de capacidade.
A partir deste martes serán citados os pais e nais de alumnos en cada centro docente. A distribución, que conta co apoio de Protección Civil, realizarase en depósito. O reparto por centros e o seguinte: o martes corresponderá a Aceesca (7), Fernández López (42), Hermanos Quiroga (8), CEIP Atios (23) e Cruz Budiño (15).
O mércores entregaranse os 38 necesarios para alumnos do CEIP Antonio Palacios, 30 para o CEIP da Ribeira, 11 para o Santo Tomás e 60 para alumnos do IES Ribeira do Louro. Finalmente, o xoves serán citadas as familias de 15 alumnos do IES Pino Manso
As tarxetas só terán vixencia durante tres meses. Os routers deberán ser devoltos ao Concello, onde permanecerán en depósito en previsión de que fose necesario un novo préstamo.
O custo final desta actuación para reducir a fenda dixital é de case 21.000 euros. A adquisición dos routers supón 14.150 euros namentres as tarxetas implicaron un gasto de 6.800 euros. A metade delas foron doadas pola operadora Vodafone.