A Policía Local de O Porriño denunciou a 28 persoas durante a primeira semana do estado de alarma por infrinxir as restricións impostas polo Goberno. A meirande parte das intervencións, que derivaron en propostas de sanción ante a Subdelegación do Goberno de Pontevedra, producíronse por incumprir a limitación da mobilidade sen causa xustificada.
Entre os infractores sorprendidos polos axentes municipais destaca un caso reincidente. O dun home que xa acumula dúas denuncias por saír a pasear en bicicleta. Unha vez foi cazado en A Guía (Atios) e outra no paseo do río Louro.
Entre a casuística aparecen situacións coma a dun veciño que dicía que regresaba do supermercado pero non traía nin bolsa nin compra; a doutro que dicía que ía ao caixeiro e non levaba tarxeta algunha e a protagonizada por tres mozos que foron sorprendidos pola Policía Local tomando unhas bebidas súas sentados na terraza dun establecemento que se atopaba pechado.
Malia estas infraccións, o Concello do Porriño quixo agradecer este luns o “comportamento responsable da maioría da veciñanza que observa as restricións que demanda o estado de alarma”.