Concretamente, está previsto retirar un plataneiro dentro do recinto de xogos e tres tileiros situados diante do acceso principal ao Hotel Parque. Un deles era centenario e os outros dous eran máis novos. Primeiramente retíranse as polas e logo tallaranse os troncos pola base.
Estas catro árbores eran as que presentaban maior grado de deterioro e, polo tanto, risco de caída segundo a avaliación realizada pola consultora Adoa. Así, súmanse aos cinco que xa se tallaron en semanas anteriores.
O concelleiro de Medio Ambiente, Sergio Casal, que acudiu ao lugar en muletas debido a unha recente intervención cirúrxica, sinalou que en breve recibirá un informe máis amplo da consultora para determinar cantas árbores máis están podres e polo tanto son susceptibles de ser talladas. Na actualidade, no parque do Cristo quedan 25 árbores, a meirande parte son tileiros.