A Policía Local do Porriño impuxo este mércores á noite na avenida de Buenos Aires as primeiras denuncias a varias persoas, todas elas mozas, que non facían uso das máscaras de protección contra a Covid-19 nunha reunión. Cada proposta de sanción á Subdelegación do Goberno pode dar lugar a multas económicas de 100 euros por persoa, segundo a normativa vixente da Xunta de Galicia.
O corpo municipal do Porriño, seguindo as instrucións da Concellería de Seguridade que dirixe Lourdes Moure, considera que rematou o período pedagóxico. Ata o de agora, os axentes lembraban aos cidadáns que debían facer uso das máscaras de protección, tanto as cirúrxicas coma as téxtiles, “de xeito obrigatorio cando non sexa posible garantir o mantemento dunha distancia de seguridade interpersoal”, segundo estableceu a Xunta no decreto publicado no DOG o pasado 27 de xuño.
Con todo, decidiuse pasar á acción punitiva ante os incumprimentos detectados. “Tanto a Concellería de Seguridade coma a Policía Local recomendan o uso permanente das máscaras de protección aos peóns nas rúas para previr situacións de risco”, indican desde o Concello.