A directora do Centro Rexional da UNED en Pontevedra, María Troncoso, e a súa secretaría xeral, Laura Suárez, visitaron este luns o local proposto polo Concello do Porriño para establecer a aula delegada concedida á vila. Segundo a administración local, ambas “valoraron moi positivamente” o emprazamento e “ponderaron a súa idoneidade”.
As directivas da UNED reuníronse coa alcaldesa, Eva García, e a concelleira de Educación, Lourdes Moure, para tratar detalles da preparación do inmoble. Primeiro nun encontro celebrado na casa consistorial e logo no propio local, onde estiveron acompañadas polo arquitecto Jesús Vieito, autor do proxecto e director da futura obra.
A comitiva comprobou as características do local -de 260 metros cadrados- adquirido na rúa Fernández López e trataron as especificacións que a UNED demanda para axeitar o inmoble ás esixencias reclamadas para acoller os servizos docentes que se prestarán.
“As directivas da Universidade a Distancia valoraron a situación do inmoble, as súas posibilidades e o feito de que estea ó carón do Centro Cultural Municipal e da Biblioteca que tamén visitaron”, explica o Concello do Porriño.
Esta aula delegada acollerá o curso de acceso á Universidade para maiores de 25 anos e tamén, como novidade, o curso de acceso sénior para maiores de 55 anos, segundo acordaron Concello e UNED.
As obras de axeitado do local para acoller as actividades educativas deberán acadar unha dotación económica no Orzamento Municipal, cunha previsión de gasto de 200.000 euros. Eva García explicou que “a previsión é que as obras poidan acometerse no primeiro trimestre de 2021 para que a estrea da aula sexa no curso 2021-22”.