Dende as tres centrais sindicais reclámanlle ás distintas administracións públicas que velen polo cumprimento das condicións de seguridade no traballo e instan as empresas a cumprir a lexislación nesta materia.
Arredor de 50 membros da CIG, CCOO e UGT participaron este luns na concentración convocada ás portas do consistorio porriñés de 11.30 a 12.00 horas para denunciar a morte dun traballador da empresa Euro Roca o pasado venres 12 tras quedar atrapado por unha máquina.
As tres centrais aproveitaron a mobilización para despregar unha faixa na que se podía ler “Non máis mortes no traballo” e reclamáronlle publicamente ás distintas administracións que velen polo cumprimento das condicións de seguridade e instan ás empresas a cumprir a lexislación nesta materia.
O accidente laboral que rematou coa vida do operario, pai de familia de 40 anos de idade, produciuse a última hora da tarde do pasado venres día 12 nas instalacións da empresa Euro Roca, dedicada ao tratamento de granito, no polígono porriñés das Gándaras.